miércoles, 7 de abril de 2010

A COCIÑA DE DONA ADELA


Relato enviado por Jorge Alonso:

A COCIÑA DE DONA ADELA



Dona Adela levantouse esa mañá de forma temperá. Tiña que pór a leña na lareira para cociñar o pote que ese día sería o alimento dos seus.

Dona Adela, cando o sol aínda non comezaba a asomar, abrigouse coas súas roupaxes negras, invernais, típicas da súa aldea. Cubriu a cabeza cun pano negruzco, e saiu fóra da casa ata o "cuberto" onde gardaban a leña seca , á beira do galiñeiro. Aproveitou para comprobar se as galiñas deixaran os ovo que matinalmente recollía e que o mesmo servían para rebozar algo, como para facer unha sobremesa. Efectivamente, as poñedoras deixaran máis dunha ducia deses fermosos ovos.

Un couco de plástico negro serviulle para transportar os leños ata casa. A casa na que o seu esposo Joaquín e os nenos, Joaquín e César, durmían aínda. Encheu o couco, e dispúxoo sobre o pano enrolado que puxo sobre a cabeza.

Ao chegar á casa, cun pouco de papel e algo de leña fina, dona Adela prendeu un misto para acender aquela fogueira que serviría tanto para quentar o fogar, como para facer a comida.

Aos poucos, o lume foi crecendo, e as chamas crepitaban ao queimar os leños. Xa estaba ao punto para poñer a auga a quentar. Xusto cando empezou a oír que a casa empezaba a cobrar vida: os nenos estaban espertando e o seu esposo xa estaba en pé, disposto a levar o gando ao pasto. Antes deixaría os nenos na escola do pobo, na que don Roque, o mestre, formaríaos para ser alguén o día de mañá. Dona Adela soñaba con que algún dos seus fillos fose médico, ou mestres, ata sacerdote, algo mellor que o que tanto ela como o seu esposo lograran, ela cociñar e ter a casa limpa e o seu esposo subir o gando aos pastos, cortar leña, e facer o viño que cada ano sacaban dos seus viñedos.

Ela, como todos os días, seguiu o ritual de quentar o leite na cociña vella de ferro que xa fora a cociña da súa nai e da súa avoa. Meteu a leña que xa estaba ardendo na lareira naquela vella cociña de ferro e rapidamente notou como a placa quentábase. Colleu unha pequena tartera e verqueu o leite que o seu esposo ordeñara había escasos minutos. Ese leite, cuns anacos de pan do día anterior, serían o almorzo da familia

Unha vez que os seus fillos e o seu esposo marcharon, dona Adela empezou a facer o que, con tanto agarimo e dedicación facía todos os días: cociñar para os seus.

Na lareira o lume xa ardía e, apartando uns troncos, dispuxo o trespés envellecido e queimado ao carón con eses troncos, para pór sobre el o pote grande mediado de auga. Aínda tardaría un bo intre en empezar a ferver, o tempo necesario para limpar e arrombar a casa.

Cando volveu á lareira, a tarteira estaba rompendo a ferver. Entón colleu do cubo con auga, no que deixara a noite anterior desalando os anacos de carne de porco que servirían para o seu cocido. A orella e o morro, alo de costela, e un tremendo anaco de lacón entraron naquela tarteira coa auga xa fervendo. O chourizo deixaríao para o final.

Dona Adela apartou algo da leña que estaba baixo o trípode, para que a carne cocese moi lentamente, como a ela lle gustaba facer aquel cocido. Nunha tarteira aparte prepararía máis tarde unhas patacas e unhas verduras da horta, que estaba lavando nese momento, recentemente cortadas xunto cunha zenorias. A horta dáballes todo o necesario, do mesmo xeito que a carne dos dous porcos que mataban chegado o mes de decembro, e que se conservaban naqueles grosos anacos de sal dentro da artesa.

Así, esperando pacientemente, entre as dúas potas, con aquel lume lento logo de varias horas, dona Adela sentiuse feliz, ao notar como uns nenos entraban correndo pola porta, un esposo volvía dos pastos e ela, como todos os días, dispuña sobre a mesa as bandexas de carne e verduras quentes que servirían para que os seus se sentisen felices e orgullosos de ter como nai e esposa á mellor cociñeira do pobo, a que facía que aquelas verduras e aquelas carnes non só tivesen o sabor da terra e do porco, senón do agarimo e das mans que pacientemente fixeron que o lume sempre estivese a punto para que o fervor das potas fixese a maxia que resultaría para obter aquel único cocido galego: "O cocido de dona Adela".

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
 
Lareiras e Potes