martes, 20 de abril de 2010

UN PASEO CO AVÓ

Relato enviado por Dolores Carballo Villar:

UN PASEO CO AVÓ

Foi despois duns días con grandes treboadas e moita chuvia , víase como os lóstregos subían cara o ceo, e así levaba varios días. Hoxe pola mañá estaba brumoso, moi escuro e gris pero por entre as nubes filtrábanse uns raios de sol, e o mais importante deixara de chover.

O avó dixo que ía a tornar a auga, e limpar os regos pois co que chovera ían ir alagados e alagarían os eidos, se esta non ía polos regos. Puxo as botas e unha especie de bata gris que puña sempre que ía os eidos. A rapariga puxo as súas botas amarelas que comprara para ir con el, o gorro e un chuvasqueiro e baixou correndo, o avó estaba collendo a aixada e xuntos dirixíronse a cancela e saíron.

Como chovera tanto a auga corría sen rumbo e con ganas por calquera sitio, subía polas pedras, deslizábase polo barro ou escondíase entre as herbas xogando sen parar, rubía, beixaba ía toda xunta e crapichosamente separábase formando linguas e despois volvíase unir, e así discorría e serpenteaba por camiños e eidos. Era agradable en medio de tanto silencio oír o seu murmullo ao pasar. Polos surcos das montañas que rodeaban a aldea víanse caer fíos de auga formando pequenas cascadas as que os raios de sol que se escapaban entre as nubes grises arancabanlle cores o arco da vella.

Seguían subindo, cada vez máis despazo pois a terra era moi barrosa e esvarábase moito ;o avó dicía que había uns anos ían alí mesmo a sacar barro para pisalo e despois facían olas, tazas, xarras, potas e o que necesitaban, despois de feito cocíano no forno que había no medio da aldea e unha vez cocido levábano a vender poLas vilas veciñas e pola capital.

Cando podían ían bordeando o camiño polo que discorrían varias linguas de auga e o avó coa súa aixada ía limpando o rego para que voltara por el.

Estaba todo mollado, metéronse por un camiño que discorría polo medio dun monte de acacias, a rapaza ía un pasos mäis atrás e parábase cada pouco mirando para as setas e cogordos que había no monte, mirara para onde mirara había setas: grandes, pequenas, marróns, grises, vermellas con pintas amarelas, que fermosas, non sabia cal lle gustaba máis, estaban escondidas entre as follas , as herbas, nos troncos das árbores, como colmeas a modo de casas para os gnomos, estaban en todas partes.

Chegaron ao eido polo que se desbordaba a auga facendo catro regatos, e a rapaza seguiu o avó que ía a limpar os regos, subiron pola parede a unha carballeira para poder chegar, e de pronto, en medio dun manto marrón e roxiño entre follas de carballo, aí estaba ela, soa, branca coma neve, pequena, elegante, mexida polo vento, no medio do seu tronco un fermoso anel dun branco deslumbrante cunha pinta amarela no centro que a facía parecer fráxil, xentil, dunha beleza incomparable, non sabía como describila pero tampouco podía apartar os ollos dela, e o avó vendo como quedaba préndada dela díxolle, mira e admira, pois a súa beleza e efémera e mortal. E alí quedou, soa rodeada de carballos e brezos e acebres cheos de boliñas vermellas que anuncian o Nadal, de follas de múltiples cores verdes, amarelos, roxiños de múltiples tonalidades, marróns..., bordeada por dous regatos para que siga mecendose ao son do vento.

O rematar de limpar os regos retornaron a casa polo medio da carballeira e só os acompañaba as pisadas sobre as pólas caídas no camiño e o rumor da auga, e así baixan paso a paso ata a aldea, non fan falla moitas palabras, basta escoitar a natureza que os rodea e envolve cos seus susurros e murmullos.

Ao chegar á aldea foron o cabaceiro e colleron uns marmelos e unhas castañas para asar na lareira, e ao comelos quentiños, quéntanse o corpo e máis as mans.

Cada día gústanlle mais eses paseos co avó.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
 
Lareiras e Potes